Nos dous últimos plenos, o ordinario de novembro, e o extraordinario promovido polo Partido Popular, os socios de Goberno de Ourense puxéronse dacordo por primeira vez no que vai de mandato.
Puxéronse dacordo en pechar as portas á luz de dúas comisións de investigación solicitadas polo Grupo Popular e reclamadas de maneira clamorosa polos cidadáns de Ourense.
PSOE e BNG queren botar terra a dous asuntos de máxima gravidade. O primeiro representa a perda de mais de 220.000€ para as arcas municipais, ao non sacar a concurso público as obras de remodelación da praza de Paz Nóvoa e da rúa Bedoya. Un procedemento a todas luces irregular, do que nin PSOE nin BNG queren dar explicacións, e tampouco queren que os cidadáns saiban as razóns polas que unhas obras que terían que estar programadas e organizadas conforme a un calendario, aparezan como urxentes, coma se esa praza e esa rúa viñeran de sufrir unha hecatombe.
O segundo no ten tampouco desperdicio. O negocio do século, cunha previsión de ingresos para unha empresa escollida a dedo de 6.000 millóns das antigas pesetas, arranca dun procedemento negociado no que o director de turismo, por arte de maxia, entrega un pliego técnico a tres empresas no que aparecen fotos da empresa que tiña previsto comercializar a publicidade dos paneis da oferta gañadora.
O cúmulo de despropósitos e irregularidades que arrancan dende ese pliego técnico é tan grande, que non é de extrañar que BNG e PSOE poñan tanto empeño en achantar, en agochar este turbio asunto e dicir que aquí non pasou nada.
E teñen razón. En Ourense non pasa nada. O bipartito mantense ao marxe do que lle reclama a cidade. Nin fai nin deixa facer. Iso si, vende fume nos medios coma se realmente estiveran traballando por nós.
Agora sabemos tamén que o fume da súa estratexia ten outro obxectivo: agochar os turbios manexos que fan que unha cidade perda 220.000€ nunha adxudicación, e unha empresa escollida a dedo chegue a gañar 6.000 millóns das antigas pesetas nun negocio sen contrapartidas para o Concello.